As chamas afectaron a unha nave contigua na que había forraxe e maquinaria, que puido ser retirada a tempo. As reses non sufriron danos
Un incendio nunha explotación gandeira do lugar de Chaín, na parroquia de San Andrés de Ferreiros, en Pol, mobilizou aos bombeiros do parque comarcal de Vilalba, que estiveron durante cinco horas tratando de conter as chamas.
Estas afectaron principalmente a unha nave contigua á granxa, na que había forraxe e maquinaria, que puido ser retirada a tempo.
O centro de emerxencias do 112 Galicia tivo coñecemento do incendio ao redor de únaa da madrugada deste sábado. Dado que a explotación conta cunhas 400 cabezas de gando, avisouse de inmediato aos bombeiros do parque comarcal de Vilalba, á Garda Civil e a Protección Civil de Pol, que acudiu cunha carroceta con 3.000 litros de auga para dar soporte.
Os labores de extinción prolongáronse durante cinco horas, segundo confirmaron os bombeiros, que indicaron que o procedemento consistiu en sacar a herba ao exterior cunha pa para deixar que ardese. Mentres tanto refrixerouse tamén a nave na que se atopaban os animais, para evitar que as chamas se propagasen.
Non houbo que lamentar danos persoais. As vacas tampouco se viron afectadas.
