Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento

Consorcio Provicncial de Lugo

Os bombeiros de Vilalba recibiron preto de 250 avisos no ano 2025, a maioría por incendios

Interviñeron en alertas por lume en 46 vivendas e 24 vehículos e tamén se requiriu a súa axuda en 35 accidentes de tráfico

Os bombeiros do parque comarcal de Vilalba, pertencente ao Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, recibiron preto de 250 avisos ao longo do pasado ano 2025, dos que a maioría, 95, correspondéronse con incendios de diversa tipoloxía.

Así acudiron a un total de 46 intervencións por esta causa en vivendas, boa parte delas por lume en chemineas (lémbrase a importancia de realizar limpezas periódicas da instalación), así como a 24 incendios en vehículos. Tamén se requiriu a súa presenza nunha decena de incendios forestais, en oito de carácter industrial e en sete no que se viu afectado material urbano, como contedores.

No cómputo total de actuacións realizadas polos bombeiros na comarca chairega, os accidentes de tráfico son outro dos avisos máis comúns. No pasado exercicio, no que ademais realizaron 35 saídas por esta causa —producíronse un total de once falecidos en dez sinistros—, entre os que nunha decena había persoas feridas e en 25, atrapadas. Ademais, os bombeiros tiveron que realizar un total de dez excarceracións.

Outras intervencións

A retirada de elementos de risco sitúase como outra das intervencións máis habituais, con 42 avisos. Destes, un total de 29 centráronse na eliminación de árbores que obstruían o paso en vías, afectaban ao tendido eléctrico ou mesmo a edificacións. Tamén se retiraron en oito ocasiones elementos estruturais que podían ser un perigo e, en cinco, diversos obstáculos.

Os efectivos vilalbeses tamén foron requiridos para intervir no rescate de persoas en 22 ocasións en 2025 e en 17 veces por fugas. Destas, en dez o material que xeraba risco era o gas, mentres que en sete o problema era a auga.

O balance das súas actuacións ao longo do pasado exercicio complétase cunha decena de saídas para a retirada de niños de avespa velutina, labor que comparten con outros organismos, e sete para actuar na limpeza de estradas, dos que media ducia correspondíanse con derrames de combustible e unha coa presenza doutro tipo de material na vía. Tamén se requiriu a súa asistencia para fornecer auga nunha ocasión.

O cómputo de alertas nos que os bombeiros non tiveron que intervir apenas chega a media ducia en 2025, entre as chamadas que foron anuladas antes de chegar ao seu destino, polo que deron a volta no traxecto, ou as que resultaron ser unha falsa alarma.

No tocante á repartición por días das intervencións, a xornada do luns é na que se concentran máis alertas, con 47 saídas, e xoves e venres nas que menos, con 28.

Configuración accesible