O lume deuse por estabilizado ás 19.03 despois dun gran despregamento de medios para contelo
Un incendio forestal declarouse este domingo ás 16.48 horas na parroquia de Sa, no concello do Páramo.
Os bombeiros de Sarria foron mobilizados e tamén se sumaron como apoio algúns axentes de Monforte, ao tratarse dunha zona de monte arborizado e raso pero próximo á empresa de pirotecnia Pólvora Santiago. Tamén supoñía un risco para varias casas habitadas.
O lume deuse por estabilizado ás 19.03, despois de que catro axentes, sete brigadas, catro motobombas, dous helicópteros e dous avións fosen mobilizados para apagalo. Medio Rural aínda non dispón dunha estimación oficial da superficie afectada, pero apuntan que se trata de poucas hectáreas pola rapidez na reacción e o gran despregamento de medios.
