06/02/2009
A Deputación aproba a adquisición de material para o Consorcio de Bombeiros por 3 millóns de euros
A Xunta de Goberno acordou a contratación do subministro de 12 vehículos e un equipamento destinado ós parques.
A Vicepresidenta Segunda da Deputación esixe unha rectificación pública ó PP por acusar ó Presidente provincial de facer un anuncio electoralista “cando este acordo é unha realidade”
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a adquisición vehículos e equipamento destinado ó Consorcio Provincial contra incendios e salvamento de Lugo por valor de 2.936.199 euros. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, sinalou que “para nós este é un tema absolutamente prioritario, dada a grave carencia que sufría a provincia en materia de emerxencias”.
O goberno provincial aprobou os pregos de condicións para a contratación da subministración da seguinte dotación con destino ó Consorcio :
- 1 Vehículo de rescate en altura: 555.000 euros.
- 4 vehículos urbanosixeiros : 978.149 euros (244.687 cada un)
- 2 Vehículos mixtos de extinción e rescate en altura: 991,451 (495.726 cada un).
- 5 Vehículos de mando todo terreo: 175.000 euros (35.00 cada un).
- Un equipamento por valor de 236.600 euros.
Lara Méndez dixo que “esta dotación é o que se considera máis urxente. Despois irase adquirindo o resto ata dotar por completo os 5 parques incluídos no Consorcio (Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria e Chantada)”.
“Por tanto, a prioridade demostrámola con feitos. Este xoves o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Lugo, pero a Deputación e a Consellería de Presidencia xa adiantamos o traballo: o Consorcio dispón neste momento de 5 bombas nodriza que suman preto de 1 millón de euros. E hoxe aprobamos a contratación da dotación máis urxente por outros 3 millóns de euros”.
Rectificación pública
Con respecto a este asunto, a Vicepresidenta Segunda esixiu ó Partido Popular unha rectificación pública por acusar ó Presidente da Deptuación de facer esta semana na Mariña un anuncio electoralista sobre os parques de bombeiros. “O que hoxe aprobamos é unha realidade, e éamentable que nin siquera se conceda o beneficio da dúbida á palabra dada polo Presidente”. Lara Méndez afirmou que “os populares practican unha política de patio de gardeiría e non se enteran, ou o que é peor, pretenden confundir ós veciños e restar importancia a este Consorcio que é unha das principais prioridades deste equipo de goberno”.
Estatuto Básico de Emprego Público
Por outra banda, a Vicepresidenta Segunda anunciou que “a semana que vén, dos días 11 ó 13, celebrarase na Deputación un Curso sobre o Estatuto Básico de Emprego Público, que data de 2007, e que responde a un precepto constitucional”. O curso denomínase: Estatuto Básico do Emprego Público: xestión do cadro de persoal dos postos de traballo. Implantación da carreira profesional. Avaliación do desempeño. Aspectos esenciais da negociación colectiva.
Está destinado a Secretarios de Concellos da provincia de Lugo e, en xeral, a empregados públicoscais que desenvolvan a súa actividade no ámbito da xestión dos Recursos Humanos.
Este ano haberá dúas edicións. A desta semana, e outra en abril. Cada unha ten 20 prazas.“Esta actividade despertou moito interese, como o demostra o feito de que se presentasen 80 solicitudes. Por iso está previsto que se volva a incluír na oferta formativa do ano que vén”, apuntou Lara Méndez.
Volver
|