12/02/2010
Deputación e Xunta aproban o Orzamento 2010 do Consorcio de Bombeiros con 2 millóns de euros
Gómez Besteiro e Alfonso Rueda anuncian que os 5 parques de bombeiros estarán en funcionamento no peridodo 2010-2011.
O Consorcio manterá un segundo Pleno en marzo para perfilar a súa posta en marcha
Unha comisión técnica da Xunta, Deputación, e Concello de Lugo, analizará a forma xurídica que permita a comarcalización na área da capital
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela, presidiron este venres o terceiro Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros no que quedou aprobado o Orzamento para 2010 que ascende a preto de 2 millóns de euros. Gómez Besteiro e Rueda Valenzuela destacaron “a boa disposición e a voluntade decidida” de ambas as dúas administracións durante esta primeira reunión, e anunciaron que no mes de marzo o Consorcio voltará a reunirse “para perfilar a posta en marcha dos 5 parques de bombeiros”.
O titular do organismo provincial destacou que “o obxetivo do Pleno foi aprobar o Orzamento para que a entidade funcione ben durante o 2010”, e explicou que o Presuposto, preto de 2 millóns, “está dirixido ó funcionamento, á mellora, e á dotación de equipamento, é dicir, de mobiliario, e non de máquinas xa que están todas mercadas”. Da mesma forma, o Conselleiro salientou que “este é un día histórico porque poñemos en marcha todo o proceso para que os parques de bombeiros, e a cobertura profesional contra incendios, empecen a ser unha realidade no periodo de 2010-2011”. Durante este ano abriranse as instalacións contra incendios de Barreiros, Chantada, e Sarria, quedando para o 2011 o de Vilalba, cuxas obras estarán rematadas en maio, -e mesmo podería estar aberto este ano-, e o de Viveiro, cuxas obras serán adxudicadas pola Xunta a semana que vén.
Parques de Monforte e Lugo
Na reunión participaron ademáis do Presidente da Deputación e o Conselleiro de Presidencia, a Delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o Director Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Santiago Villanueva; o Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación do mesmo departamento, José Antonio Fernandez López; o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao; o Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño; o Alcalde de Barreiros, José Alfonso Fuente; o Alcalde de Chantada, Manuel Taboada; o Alcalde de Sarria, Claudio López Garrido; o Alcalde de Vilalba, Gerardo Criado; e o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel. Como deferencia, tamén estivo presente o rexidor de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, malia que sin voz nin voto xa que non é membro da entidade.
Precisamente, o Consorcio decidiu que a semana que vén, técnicos da Deputación e da Xunta acudirán ó parque da cidade monfortina para fiscalizar in situ as instalación do parque, e comprobar se é susceptible de ser utilizado polo Consorcio. Gómez Besteiro incidiu en que “trátase de absorber as instalacións, non o persoal, e facer unha implantación en pro da comarcalización con persoal novo xa que o Consorcio ten que operar de forma única e sen excepcións”. Da mesma forma, ó respecto do parque de bombeiros de Lugo, constituirase unha comisión entre a Deputación, a Xunta, e o Concello, para buscar as formulas xurídicas que permitan a comarcalización na área da capital, xa que “o despregue do Consorcio quere dar cobertura a esa zona da provincia”, salientou.
Neste senso, o Conselleiro de Presidencia incidiu en que “o Consorcio de bombeiros é unha forma de colaboración efectiva que non entende de cores políticas. A nosa intención é que os 5 parques, xunto o de Monforte, cubran a provincia”. Ó respecto, o Presidente da Deputación remarcou que “temos vontade decidida a solucionar os problemas dos veciños da provincia, e o Consorcio é un exemplo palpable de que as cousas van polo bo camiño”.
Volver
|