13/12/2012
Os bombeiros de Barreiros repartiron hoxe agasallos entre os nenos ingresados no Hospital da Costa
Algún dos profesionais que prestan servizos no Parque barreirense achegáronse hoxe ata Burela para facer entrega dos agasallos, cedidos por comerciantes dos Concellos nos que prestan cobertura, ós 10 nenos ingresados no centro e á propia Unidade de Pediatría do Hospital da Costa
Esta é só unha das múltiples iniciativas postas en marcha por estes profesionais nesta semana solidaria e que continuarán cunha maratón de fútbol sala e un sorteo benéfico o domingo
Todo o recadado con estes eventos solidarios será distribuído entre familias con dificultades dos Concellos de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto
Os interesados en colaborar con esta causa poden contactar cos organizadores en bomberosbarreiros@gmail.com, 605-81-33-74/ 606-80-80-40, ou ben facer un donativo no seguinte número de conta do Banco Santander: 0049-12-2953-2190287441
Seis dos profesionais que prestan servizos no Parque de Bombeiros de Barreiros en representación de todos os compañeiros achegáronse esta mañá ata o Hospital da Costa para facer entrega dos agasallos cedidos solidariamente polos comerciantes dos Concellos de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, Valadouro e Riotorto. Uns 10 nenos e nenas ingresados na Unidade de Pediatría do hospital mariñano esqueceron por unhas horas a súa enfermidade coa ilusión de recibir agasallos. Ó feito de recibir xoguetes houbo que sumar a ledicia que moitos destes rapaces amosaron polo feito de ver que eran estes admirados profesionais os que lles entregaban os xoguetes, posto que non deixaron escapar a oportunidade de facerlles preguntas acerca do seu traballo. Parte dos agasallos entregados, entre eles bonecos e material tiveron coma destino a propia Unidade de Pediatría, co obxectivo de facer máis levadeira a estancia dos máis novos neste centro hospitalario.
A xornada foi igualmente emotiva para os bombeiros, que manifestaron que a xornada tiña sido máis especial para eles mesmos que para os propios nenos, e as propias familias dos rapaces que felicitaron ós profesionais pola súa vocación de axuda ós demais, que os levou a poñer en marcha esta iniciativa solidaria.
Maratón de fútbol sala
Coa visita de hoxe ó Hospital comezan os actos organizados para estes días polos profesionais que prestan servizos no Parque do Consorcio Provincial de Bombeiros. Así, este sábado arrinca a maratón de fútbol sala que se celebrará durante os días 15 e 16 no Pavillón Torques de Marzán, en Foz. Na competición tomarán parte de 9 a 12 equipos formados por bombeiros dos Parques de Barreiros, Vilalba e Lugo, ademais de Gardas Civís, Policías Locais e persoal dos servizos de Protección Civil e do 061 dos dez Concellos nos que os bombeiros de Barreiros dan cobertura.
A asistencia coma público é gratuíta, aínda que para acceder ó Pavillón hai un requisito: acudir ó Pavillón focense con comida. Os alimentos recadados serán repartidos entre familias que están pasar por situacións complicadas, atendendo ós criterios dos Servizos Sociais destes Concellos.
O sábado 15 os encontros comezarán ás 10:00 horas e prolongaranse durante todo o día e o domingo 16 a xornada tamén arrincará ás 10:00 e continuará ata as 16:30 horas, momento no que se realizará un sorteo tamén con fins benéficos.
Sorteo benéfico e domingo de portas abertas
Os gañadores deste sorteo poderán facerse con variados artigos, coma roupa (camisetas, bufandas...), complementos (bolsos, xoias...) ou bonos para perruquería, que os establecementos cederon de xeito desinteresado ós bombeiros para colaborar coa iniciativa. As rifas terán un prezo de 2 euros e o recadado tamén irá a mans dos Servizos Sociais municipais, e se empregará para facer fronte ás necesidades máis urxentes destas familias. Ás 17:30 horas e unha vez rematado o sorteo solidario, terá lugar a final desta maratón, ó que seguirá a entrega de trofeos ós vencedores, que se celebrará ás 19:00 horas.
Ademais da competición, os bombeiros tamén teñen organizado unha xornada de portas abertas para o domingo 16 entre as 11:00 e as 16:00 horas. Os que se acheguen ata a parte traseira do Pavillón Torques poderán coñecer de preto tanto o labor destes profesionais coma o material do que dispoñen. A xornada incluirá asimesmo un simulacro de excarceración, que levarán a cabo en colaboración cos servizos de emerxencias do 061.
Colaboracións
Todos os que desexen colaborar na medida das súas posibilidades aínda están a tempo de facelo. Para elo, só teñen que poñerse en contacto cos organizadores ben a través do enderezo electrónico bomberosbarreiros@gmail.com, ben nos teléfonos 605-81-33-74 ou 606-80-80-40.
Tamén se pode colaborar facendo un donativo, para o que está disposto un número de conta no Banco Santander 0049-12-2953-2190287441.
Crear unha asociación social
Esta é a primeira actividade que organizan os bombeiros do Parque Comarcal de Barreiros pero non a última. O obxectivo destes profesionais é crear unha asociación con fins sociais para seguir impulsando actividades benéficas e axudar a persoas en risco de exclusión social da Mariña.
Volver
|